1ª BOLSA DE CREACIÓN CASTELO CONTA X CASTELO STUDIO
This is a call for Galician artists
Esta convocatoria ofrece unha residencia artística para crear un libro ilustrado dende o diálogo entre escrita, imaxe e territorio. Un proxecto de Castelo Conta e Castelo Studio no que a veciñanza de Castelo tamén formará parte do proceso de creación.
CONVOCATORIA ABERTA ATA O 31 DE OUTUBRO DE 2026
O Castelo Conta e Castelo Studio poñen en marcha a súa primeira Bolsa de Creación, unha convocatoria que busca impulsar a creación dun libro ilustrado a través do encontro entre escrita e ilustración.
A bolsa seleccionará unha persoa escritora e unha persoa ilustradora ou artista visual para traballar conxuntamente no desenvolvemento dun proxecto editorial. Poderán presentarse de maneira individual ou como parella creativa xa constituída. Será condición indispensable o uso da lingua galega.
As persoas seleccionadas realizarán unha residencia artística de quince días en Castelo Studio durante a primavera de 2027, cun espazo e unhas condicións axeitadas para desenvolver o proxecto. O Castelo Conta cubrirá o aloxamento e a manutención e cada persoa seleccionada percibirá 3.000 € en concepto de honorarios, ademais dunha dotación de ata 600 € para gastos de produción artística.
Pero esta bolsa non se concibe só como un espazo de creación. A veciñanza de Castelo terá un papel activo no proceso, tanto na selección das persoas participantes como nos encontros que se desenvolverán durante a residencia. As súas historias, experiencias, memoria e relación co territorio poderán formar parte do proceso creativo.
A convocatoria está aberta a persoas vinculadas á escritura, literatura, ilustración, artes visuais, cómic, narrativa gráfica, álbum ilustrado e disciplinas afíns. Non é necesario contar cunha traxectoria profesional consolidada, pero si coa capacidade para desenvolver o proxecto de maneira profesional.
O proxecto poderá abordar calquera temática, sempre que garde relación con Castelo e a súa contorna e dialogue con aspectos como a cultura rural, a oralidade, a tradición, o territorio ou a comunidade.
O libro resultante será editado polo Castelo Conta e presentado publicamente no marco do festival en 2027.
PREME O BOTÓN PARA ATOPAR TODA A INFO E PARTICIPA!

